Brexit. Relacións co Reino Unido

Antecedentes

O 23 de xuño de 2016, os/as cidadáns/ás británicos/as votaron en referendo a favor da retirada do Reino Unido da Unión Europea. O 29 de marzo de 2017, o Reino Unido invocou o Artigo 50 do Tratado da Unión Europea, notificando así a súa intención de retirarse da UE e abrindo o período de dous anos no que debía negociarse un acordo sobre os termos desta retirada. O 17 de outubro de 2019 o Consello Europeo asumiu o Acordo de Retirada, que foi finalmente aprobado polo Parlamento británico o 23 de xaneiro de 2020.

O 31 de xaneiro de 2020 o Reino Unido deixou de ser un Estado Membro da Unión Europea e pasou a ter a consideración dun terceiro estado, tras a ratificación do Acordo de Retirada do Reino Unido da Unión Europea e da Comunidade Europea de Enerxía Atómica. O citado Acordo de Retirada entrou en vigor o 1 de febreiro de 2020 e incorporaba un período transitorio ata o 31 de decembro de 2020, durante o que se debía negociar o marco xurídico das futuras relacións. 

O Acordo de Retirada estaba acompañado dunha Declaración Política na que se plasmaban as liñas xerais das negociacións. As citadas negociacións foron moi complicadas e non culminaron ata o 24 de decembro de 2020, data na que os negociadores de ambas as dúas partes acadaron un compromiso sobre un Acordo de Comercio e Cooperación, un Acordo sobre Seguridade da Información e un Acordo relativo á Cooperación sobre Usos Pacíficos da Enerxía Nuclear entre a Unión Europea e Reino Unido.

Tras a sinatura e publicación, os tres Acordos entraron en vigor de maneira provisional o 1 de xaneiro de 2021. Unha vez se obteña a aprobación do Parlamento Europeo, o Consello adoptará a decisión de celebración que supón a ratificación dos Acordos por parte da Unión Europea.

Desde o inicio do proceso de negociación, a Xunta de Galicia veu vixiando con cautela os posibles efectos en distintos eidos da saída do Reino Unido da UE, traballando para ter capacidade de resposta:

  • Elaborando estudos que avalíen o impacto do Brexit.
  • Buscando rexións e estados aliados. 
  • Creando un grupo de traballo interdepartamental sobre o Brexit e os efectos sobre a economía e a sociedade.
  • Participando, por petición expresa, na comisión especial creada polo Goberno central para abordar os temas pesqueiros relacionados co Brexit.
  • Poñendo en marcha unha plataforma dixital de asesoramento personalizado a empresas.

Consulte aquí a información relativa ao Acordo de Retirada

Acordo de Comercio e Cooperación

O Acordo de Comercio e Cooperación entre a Unión Europea e o Reino Unido é un acordo amplo dos chamados de “nova xeración”, con numerosas áreas, entre as que destacan o comercio de bens e servizos, o comercio dixital, a propiedade intelectual, a contratación pública, o transporte, a enerxía, a pesca, a coordinación en materia de seguridade social, a cooperación policial e xudicial penal, a cooperación temática e a participación do Reino Unido en programas da Unión. Contén ademais disposicións dirixidas a garantir condicións de competencia xustas e o respecto dos dereitos fundamentais, así como un marco institucional dirixido a asegurar o bo funcionamento e o cumprimento do Acordo, con mecanismos vinculantes de solución de controversias.

O proxecto do Acordo de Comercio e Cooperación consta de tres piares principais:

Un Acordo de Libre Comercio: unha nova asociación económica e social co Reino Unido

O Acordo abrangue non só o comercio de bens e servizos, senón tamén unha ampla gama de ámbitos de interese para a Unión Europea, como o investimento, a competencia, as axudas estatais, a transparencia fiscal, o transporte aéreo e por estrada, a enerxía e a sostibilidade, a pesca, a protección de datos e a coordinación da seguridade social. Nel establécese a exención de aranceis e continxentes para todas as mercadorías que cumpran as normas de orixe adecuadas. 

Ambas as dúas partes comprometéronse a garantir condicións de competencia equitativas mantendo altos niveis de protección en ámbitos como a defensa do medio ambiente, a loita contra o cambio climático e a tarificación do carbono, os dereitos sociais e laborais, a transparencia fiscal e as axudas estatais, cunha aplicación efectiva a nivel nacional, un mecanismo vinculante de solución de diferenzas e a posibilidade de que ambas as dúas partes adopten medidas correctoras.

No ámbito do transporte, o Acordo prevé unha conectividade continua e sostible nos sectores aéreo, por estrada, ferroviario e marítimo, aínda que o acceso ao mercado se sitúa por baixo do que ofrece o mercado único. Inclúense disposicións para garantir que a competencia entre os operadores da Unión Europea e do Reino Unido se desenvolva en igualdade de condicións, de modo que non se menoscaben os dereitos dos/as pasaxeiros/as, os dereitos dos/as traballadores/as nin a seguridade do transporte.

No ámbito da enerxía, o Acordo ofrece un novo modelo para o comercio e a interconectividade, con garantías para unha competencia aberta e leal, incluídas as normas de seguridade para a enerxía en alta mar e a produción de enerxías renovables.

En canto á coordinación da seguridade social, o Acordo aspira a garantir un conxunto de dereitos aos/ás cidadáns/ás da Unión Europea e aos/ás nacionais do Reino Unido. Trátase dos/as cidadáns/ás da Unión que traballan no Reino Unido, ou que viaxan ou se trasladan a ese país, e os/as nacionais británicos/as que traballan, viaxan ou se trasladan á Unión Europea a partir do 1 de xaneiro de 2021.

Por último, o acordo permite que o Reino Unido siga participando en varios programas emblemáticos da Unión Europea durante o período 2021-2027 (a reserva dunha contribución financeira do Reino Unido ao orzamento da Unión), como Horizonte Europa.

Unha nova asociación para a seguridade da nosa cidadanía

O Acordo de Comercio e Cooperación establece un novo marco para a cooperación policial e xudicial en materia penal e civil. Recoñece a necesidade dunha cooperación reforzada entre as autoridades policiais e xudiciais nacionais, en particular para combater e perseguir a delincuencia e o terrorismo transfronteirizos. Crea novas capacidades operativas, tendo en conta que o Reino Unido, como terceiro Estado non pertencente ao espazo Schengen, non dispoñerá das mesmas facilidades que antes. A cooperación en materia de seguridade pode suspenderse no caso de que o Reino Unido falte ao seu compromiso de seguir cumprindo o Convenio Europeo de Dereitos Humanos e a súa aplicación interior.

Un acordo horizontal sobre gobernanza 

A fin de ofrecer a máxima seguridade xurídica ás empresas, aos/ás consumidores/as e á cidadanía, establécese un capítulo específico sobre gobernanza que aclara como se aplicará e controlará o Acordo. Tamén establece un Consello de Asociación Conxunto, que garantirá que o Acordo se aplique e interprete correctamente, e no que se debaterán todas as cuestións que xurdan.

Os dereitos das empresas, os/as consumidores/as e os/as particulares quedarán amparados cuns mecanismos vinculantes de execución e resolución de litixios. Isto significa que as empresas da Unión Europea e do Reino Unido compiten en igualdade de condicións, e evitarase que calquera das partes faga uso da súa autonomía normativa para conceder subvencións desleais ou falsear a competencia.

Reserva de Axuste ao Brexit

A Comisión Europea presentou o día 25 de decembro de 2020 a súa proposta de Reserva de Axuste ao Brexit para axudar a contrarrestar as consecuencias económicas e sociais adversas nos Estados membros e sectores máis afectados. Terá un orzamento global de 5.000 millóns de euros e establecerase como un instrumento especial fóra dos límites orzamentarios do marco financeiro plurianual 2021-2027 da UE.

A Reserva apoiará as medidas establecidas especificamente en relación coa retirada do Reino Unido da Unión. Corresponde aos Estados membros deseñar as medidas de apoio dirixidas aos sectores e comunidades máis afectados, que poderán incluír o seguinte:

  • apoio aos sectores económicos, ás empresas e ás comunidades locais, incluídos os que dependen das actividades pesqueiras nas augas do Reino Unido;
  • apoio ao emprego e a reintegración no mercado laboral dos/as cidadáns/ás que regresan do Reino Unido, mesmo a través de plans de traballo de curta duración, adestramento e formación;
  • velar polo funcionamento dos controis fronteirizos, aduaneiros, sanitarios e fitosanitarios e de seguridade, control pesqueiro, réximes de certificación e autorización, comunicación, información e sensibilización de cidadáns/ás e empresas.

O Regulamento proposto deberá ser adoptado polo Parlamento e o Consello.  

Ligazóns con información relevante

Ámbito comunitario:

Ámbito nacional:

Ámbito autonómico: