Información xeral

Guía práctica de asociacións 

 

Que é unha asociación?

As asociacións son agrupacións de persoas constituídas para realizaren actividades colectivas de forma estable, organizadas democraticamente, sen ánimo de lucro.

Número de persoas necesarias para constituír unha asociación:
Tres ou máis persoas físicas ou xurídicas, que se denominan “promotoras” ou “fundadoras” e que deberán outorgar a acta de constitución e aprobar os estatutos da asociación.

O dereito de asociación recoñecido no artigo 22 da Constitución está regulado na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, de aplicación a todas as asociacións sen fins lucrativos que non estean sometidas a outra normativa específica.

 

Para que serve a inscrición rexistral?

As asociacións teñen personalidade xurídica desde o momento mesmo da súa constitución.
   
A súa inscrición nun rexistro público supón unha serie de garantías, tanto para a propia asociación como para a sociedade en xeral, e ten como función dar resposta ao requisito de publicidade das asociacións constituídas.

Así mesmo, comporta diversos beneficios: ás persoas asociadas, en canto á súa responsabilidade patrimonial, xa que a inscrición supón a separación entre o patrimonio da asociación e o patrimonio das persoas asociadas (art. 10.4 e 15 da Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación), e ao resto da sociedade, porque a inscrición é garantía de que os fins da asociación son lícitos e o seu funcionamento democrático. 

 

Que tipos de inscrición hai?

Non só é rexistrable a constitución dunha asociación, senón que hai diversos feitos que se suceden durante a súa existencia que son igualmente inscribibles. O artigo 34 do Real Decreto 949/2015, do 24 de outubro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Nacional de Asociacións, establece os seguintes tipos de inscricións:

  1. A solicitude da persoa interesada:
    • Constitución de asociacións
    • Constitución de federacións, confederacións e unións de asociacións
    • Transformación de asociacións (por cambio de ámbito xeográfico ou réxime xurídico)
    • Modificación dos estatutos
    • Identidade das persoas titulares da xunta directiva ou órgano de representación
    • Apertura e peche de delegacións e establecementos
    • Incorporación e separación de asociacións en federacións, ou de federacións en confederacións e unións de asociacións, ou de calquera destas a entidades internacionais
    • Fusión de asociacións
    • Disolución de asociacións
  2. De oficio:
    • Inscricións ordenadas por resolución xudicial firme
    • Inscricións relativas á declaración e revogación da utilidade pública das asociacións  
A denominación

As asociacións só poderán ter unha denominación. As siglas ou nomes abreviados que se engadan formarán parte da denominación única.

A denominación poderá expresarse en algunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén poderá ser en calquera idioma estranxeiro. De estimalo necesario, o rexistro poderá requirir á asociación un certificado de tradución da denominación.

En todo caso, a denominación estará formada por letras do alfabeto latino e, de incluír cifras, estas só poderán expresarse en números arábigos ou romanos.

Límites das denominacións

O Rexistro non inscribirá a denominación das asociacións cando:

  • Inclúa expresións contrarias ás leis ou poida supoñer vulneración dos dereitos fundamentais.
  • Estea formada exclusivamente co nome de España, os das súas comunidades autónomas, provincias, municipios, illas e demais entidades locais, co nome dos órganos das Administracións públicas, ou cos dos Estados estranxeiros ou organizacións internacionais.
  • Incorpore termos dotados de valor institucional como «estatal», «oficial», «público», «real» ou calquera outro que induza a confusión sobre a natureza xurídico-privada da entidade, salvo que esta conte coa correspondente autorización.
  • Inclúa termos ou expresións que induzan a erro ou confusión sobre a súa propia identidade, ou sobre a clase ou natureza da mesma, en especial, mediante a adopción de palabras, conceptos ou símbolos, acrónimos e similares propios de persoas xurídicas diferentes, sexan ou non de natureza asociativa.
  • Denominacións que inclúan os dominios de Internet, tales como «.es», «.com», «.net», «.gal» ou «.org».
  • Cando coincida ou se asemelle de maneira que poida crear confusión:
    1. Coa de entidades preexistentes, sexan ou non de nacionalidade española, salvo que, previa autorización das mesmas, se constitúan como filiais ou delegacións e introduzan algún patronímico que as distinga.
    2. Coa de ningunha outra asociación previamente inscrita no Rexistro ou que se atope incorporada ao ficheiro de denominacións de asociacións.
    3. Cos nomes ou pseudónimos das persoas físicas, salvo consentimento expreso das mesmas ou dos seus sucesores. Presúmese prestado o consentimento cando a persoa cuxo nome ou pseudónimo figure na denominación sexa socia fundadora da asociación.
    4. Cunha marca rexistrada notoria, salvo que a inscrición a solicite a persoa titular da mesma ou conste o seu consentimento.

Enténdese que existe identidade non só no caso de plena coincidencia na denominación, senón tamén cando concorra algún dos seguintes supostos:

  • A utilización das mesmas palabras en distinta orde, xénero ou número.
  • A utilización das mesmas palabras coa adición ou supresión de termos, artigos, preposicións, conxuncións, guións, signos de puntuación e demais expresións ou partículas de escaso significado.

Os termos «federación», «confederación» e «unión de asociacións» quedan reservados ás entidades asociativas de segundo grao definidas no artigo 2.2 do Real Decreto 949/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Nacional de Asociacións.

A expresión «asociación xuvenil» queda reservada a aquelas sometidas ao Real Decreto 397/1988, do 22 de abril, polo que se regula a inscrición rexistral de Asociacións xuvenís.

Cando a denominación elixida polas persoas promotoras ou socias non se axuste aos requisitos e límites establecidos, o Rexistro abrirá o trámite de corrección a que se refire o artigo 38.2 do Real Decreto 949/2015, do 23 de outubro.

Para saber se a denominación que se pretende inscribir figura xa inscrita nos rexistros de asociacións, consulte o ficheiro de denominacións na sede electrónica https://sede.mir.gob.es/nfrontal/webasocia.html

 

Que asociacións son obxecto de inscrición nos rexistros de asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia?

Unicamente aquelas a asociacións, federacións, confederacións e unións de asociacións con ámbito de actuación comprendido dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, que son aquelas que desenvolvan principalmente as súas actividades no devandito ámbito territorial, e sempre que non teñan fin de lucro nin estean sometidas a un réxime asociativo específico.

Non se inscriben neste rexistro os partidos políticos, sindicatos e organizacións empresariais, igrexas, confesións e comunidades relixiosas, federacións deportivas, asociacións de consumidores e usuarios e calquera outras reguladas por leis especiais.

As asociacións que soliciten a súa inscrición nos rexistros da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán establecer nos seus estatutos un domicilio en Galicia, que virá determinado polo ámbito territorial de actuación.

Rexistro de asociacións competente

A inscrición formalízase no Rexistro central ou provincial, en función do ámbito territorial que conste nos estatutos da asociación. Consultar en https://asociacions.xunta.gal 


 

Contactar cos rexistros de asociacións  
  • REXISTRO CENTRAL DE ASOCIACIÓNS, adscrito á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes 
    Servizo de Entidades Xurídicas e Corporativas
    Telf.: 881 995 466 / 881 995 467
  • REXISTROS PROVINCIAIS DE ASOCIACIÓNS, adscritos ás xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

 

Presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A solicitude irá dirixida a:

  • Secretaría Xeral Técnica, se a asociación ten ámbito territorial de Galicia ou ámbito superior a unha provincia.
  • Xefatura territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Coruña, Lugo, Ourense ou Pontevedra, se a asociación ten ámbito territorial local ou provincial.

Os documentos orixinais requiridos para a tramitación deste procedemento deberán ser documentos orixinais asinados dixitalmente ou copias electrónicas auténticas dos documentos asinados en papel, non sendo válidos documentos escaneados.

Copias electrónicas auténticas

De non dispoñer de documentos asinados dixitalmente, con carácter previo á presentación electrónica da súa solicitude, pode dixitalizar o/s documento/s asinado/s manualmente e obter unha copia auténtica.
Nas oficinas de atención á cidadanía e do rexistro xeral da Xunta de Galicia poderá obter unha copia electrónica auténtica da documentación orixinal en papel, previo pago da correspondente taxa.

Sinatura de documentos

Para a sinatura dixital de documentos poderase utilizar, entre outros, o seguinte sistema de sinatura:

Prazo de resolución: 3 meses 

  

Publicidade das asociacións

A publicidade farase efectiva mediante certificación do contido dos asentos, por nota simple informativa ou por copia dos asentos e dos documentos depositados nos rexistros de conformidade co disposto no artigo 29 da Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo. A información facilitada axustarase aos requisitos establecidos na normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.

No caso de solicitar listaxes: a información a través de listaxes sobre entidades inscritas nos rexistro de asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia facilítase con suxeción ás disposicións contidas na normativa de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común (exceptúa as solicitudes de consulta xenérica sobre un conxunto de materias).

Poden consultar a listaxe de asociacións inscritas no Rexistro Central de Asociacións e nos Rexistros Provinciais na seguinte ligazón: https://abertos.xunta.gal/catalogo/administracion-publica/-/dataset/0050/rexistro-asociacions.

Que documentos teño que presentar?

  1. Solicitude (modelo PR308A): formulada pola persoa interesada e dirixida ao rexistro competente, sinalando o recadro correspondente á descrición dos datos ou actos dos que se solicita certificación ou información
  2. Xustificante do pagamento da taxa correspondente
  3. A que rexistro teño que dirixirme?