Deporte

O deporte e a actividade física son elementos esenciais no desenvolvemento individual e colectivo. Ferramentas de saúde e calidade de vida, de educación e de integración, e factores significativos tamén para o desenvolvemento económico local e rexional, a práctica deportiva e de actividade física forman parte da axenda da Xunta de Galicia a través de programas e actuacións destinadas ao fortalecemento do sector e dos axentes deportivos.

O compromiso da Xunta con este desenvolvemento integral do deporte galego, e que procura abarcar todas as súas facetas e funcionalidades, non impide que a atención á competición sexa un dos principais compoñentes da política deportiva do Goberno galego, e onde as relacións de colaboración e apoio con federacións, clubs e deportistas son eixe esencial dos programas e das actuacións desenvolvidas. Dende o deporte en idade escolar ata a práctica integradora e inclusiva, pasando polo fortalecemento do deporte feminino e a atención aos deportistas de alto nivel durante e despois da súa dedicación deportiva, a Secretaría Xeral para o Deporte busca a cobertura necesaria para unha práctica deportiva segura que conduza á súa xeneralización entre a poboación galega, así como a procurar as condicións máis adecuadas que coadxuven aos nosos clubs e deportistas nas súas respectivas competicións deportivas dentro e fora de Galicia. 

Esta aposta polo deporte, é unha aposta por unha Galicia máis saudable e con mellor calidade de vida, máis igualitaria e integradora, máis competitiva e mellor.