Funcións e competencias

A Dirección Xeral de Administración Local é o órgano encargado da xestión das competencias que se lle atribúen á Comunidade Autónoma galega nas seguintes materias:

  • A coordinación das políticas públicas en materia de Administración local, xestión en materia de pacto local e cooperación coas asociacións de municipios.
  • A proposición das directrices en relación cos programas de cooperación e financiamento local e, en especial, co Fondo de Cooperación Local.
  • A elaboración dos programas formativos en materia de Administración local.
  • O fomento das liñas de colaboración coas entidades locais galegas no referente á convocatoria e execución das subvencións destinadas a elas.
  • O fomento e a ordenación dos procesos asociativos e consorciais das entidades locais, así como as propostas en materia de organización territorial.
  • O fomento do asociacionismo veciñal.
  • A execución das competencias que, con respecto ao persoal funcionario con habilitación de carácter nacional, lle correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia.
  • A elaboración, impulso e xestión de programas con financiamento da Unión Europea e de cooperación transfronteiriza con incidencia no mundo local e no ámbito das competencias da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, facendo especial fincapé nas accións enmarcadas no eido da cooperación Galicia-Norte de Portugal.
  • O impulso, estudo e control do cumprimento da Lei de Administración local de Galicia e demais normativa de réxime local, así como o exercicio das competencias que nesa materia lle correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia.
  • O impulso do proceso de incorporación do galego á Administración local de forma coordinada coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
  • A xestión do Portal Eido Local, así como o fomento e impulso da incorporación das novas tecnoloxías, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e de métodos de calidade nas administracións locais galegas.
  • A tramitación dos expedientes de declaración de urxente ocupación nas expropiacións forzosas instados polas entidades locais.
  • O Rexistro de Entidades Locais de Galicia.
  • A tramitación dos expedientes de alteración e deslindamento de termos municipais; a tramitación dos expedientes suxeitos a intervención autonómica en materia de patrimonio das entidades locais, e a tramitación dos expedientes de solicitude de disolución dos órganos das corporacións locais e de consultas populares en asuntos de competencia municipal.
  • O impulso da formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero nas accións formativas para membros e persoal da Administración local en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade.
  • Aqueloutras que, non estando incluídas neste artigo, lle atribúa a normativa vixente, así como as que, dentro do seu ámbito competencial, lle sexan asignadas ou delegadas.