Biografía do conselleiro
Biografía do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo Pouso.
Naceu en San Sadurniño (A Coruña) en 1975. Licenciado en Ciencias Económicas (especialización en Facenda Pública e Sistema Fiscal) na Universidade de Santiago de Compostela. Máster en Desenvolvemento Local e Comarcal.
Traballou como axente de desenvolvemento local en Ferrol e foi administrador da empresa familiar.
Foi elixido por primeira vez deputado autonómico en febreiro de 2003, e mantivo o escano ata 2005 (VI Lexislatura) e tamén desde 2005 ata 2009 (VII Lexislatura). Nese ano foi nomeado delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña e en 2011, sendo concelleiro en Ferrol, foi elixido presidente da Deputación Provincial da Coruña, cargo que desempeñou ata 2015, momento no que regresou á Delegación da Xunta.
Tras unha nova etapa no Parlamento de Galicia como vicepresidente primeiro da Mesa e voceiro da área de Infraestruturas e Mobilidade (2016-2022), en maio de 2022 foi nomeado Vicepresidente Segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes pasando en xuño de 2023 a Vicepresidente Primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes. Desde abril de 2024 ocupa o cargo de conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Forma parte dos Consellos de Administración das Autoridades Portuarias da Coruña e Vilagarcía de Arousa.
Entre 2006 e 2009 foi vicesecretario xeral do Partido Popular de Galicia, de 2008 a 2016 desempeñou as funcións de secretario xeral no Partido Popular da provincia da Coruña, que preside desde 2016.
No Partido Popular nacional, foi secretario territorial entre 2018 e 2022. Desde 2022 é presidente do Comité Electoral Nacional.