Financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas

A Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos previstos na Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas (DOG núm. 165, do luns 31 de agosto), e con cargo aos orzamentos xerais do exercicio correspondente, outorgaralles ás formacións políticas con representación no Parlamento de Galicia e que así o soliciten en cada exercicio subvencións anuais non condicionadas para atender os gastos de funcionamento nos que as devanditas formacións incorran no territorio da comunidade autónoma.

A contía anual total destas subvencións será a que, de ser o caso, se consigne para estes fins na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do exercicio correspondente.

Para iniciar o procedemento de aboamento das subvencións, as formacións políticas con representación parlamentaria deberán presentar ante a Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias da Xunta de Galicia, no prazo dos dez días seguintes ao da entrada en vigor da lei de orzamentos do exercicio correspondente, unha declaración responsable do cumprimento dos requisitos para ser beneficiaria, que aparecen recollidos no artigo 32 da Lei 9/2015.

Debido á obriga que teñen as formacións políticas, en tanto que persoas xurídicas, de relacionarse electronicamente coa Administración (artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas; BOE núm. 236, do 2 de outubro), a presentación da declaración responsable referida no parágrafo anterior, así como os restantes escritos e comunicacións e a documentación que se achegue á Administración durante a tramitación destas subvencións, realizarase a través do procedemento establecido na Orde do 4 de maio de 2017, conxunta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, pola que se aproba a posta en funcionamento do servizo para a presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado (DOG núm. 87, do 8 de maio).

Para a tramitación en liña do procedemento regulado na Orde do 4 de maio, coa clave PR004A, debe accederse á sede electrónica da Xunta de Galicia, na seguinte ligazón:

https://sede.xunta.gal/formularios/cumplimentacion/novo/PR004A