Principais trámites para a súa constitución e inscrición

DOCUMENTACIÓN QUE SE PRESENTA

En todas as solicitudes:

  • Solicitude a través do modelo normalizado PR750A dispoñible na sede electrónica.
  • Documento acreditativo da representación, no seu caso.
  • Xustificante de pago da taxa correspondente.

Segundo o tipo de solicitude:

CLASIFICACIÓN, DECLARACIÓN DE INTERESE GALEGO E INSCRICIÓN INICIAL

  • Escritura pública de constitución da fundación (debe incluír o certificado de denominación negativo emitido polo Rexistro).
  • Documento acreditativo da aceptación dos patróns.
  • Número de Identificación Fiscal (provisional) expedido pola AEAT.

MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS

Escritura pública na que conste o texto consolidado dos estatutos e o acordo do padroado expresivo da vontade de modificalos.

MODIFICACIÓN DO PADROADO

  • Nomeamentos e substitucións: documento acreditativo (certificado da reunión do padroado) e, no caso de nomeamentos, a aceptación expresa do cargo por calquera dos medios previstos na Lei de Fundacións de Interese Galego. No caso de persoas xurídicas, a aceptación deberá efectuarse polo seu representante legal, con designación da persoa física que o representará no padroado, que deberá, tamén, aceptar o seu nomeamento. 
  • Por morte, declaración xudicial de falecemento ou extinción da personalidade xurídica: certificación emitida polo Rexistro Civil ou, de ser o caso, polo Rexistro Mercantil (pode solicitarse a instancia do padroado ou de calquera interesado/a). 
  • Por incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade: resolución xudicial ou administrativa que declare tal circunstancia.
  • Por renuncia: mediante escritura pública; por documento privado con firma lexitimada por un fedatario público; ou ante o padroado, acreditándose mediante certificado expedido pola persoa titular da secretaría co visto e prace da persoa titular da presidencia.
  • Por cesamento de membros que o fosen por razón de cargo público: certificado ou documento equivalente emitido polo órgano administrativo competente.
  • Por cesamento cuxa facultade corresponde a outra persoa xurídica: certificado ou documento equivalente coas firmas lexitimadas notarialmente.
  • Outras causas de cesamentos: certificado da acta da reunión do padroado na que se adoptou o acordo, expedido pola persoa titular da secretaría co visto e prace da persoa titular da presidencia.

DELEGACIÓNS E APODERAMENTOS

  • Delegación de facultades do padroado nalgún dos seus membros: escritura pública na que se detallen as facultades, funcións e competencias delegadas.
  • Apoderamentos: escritura pública na que consten as facultades outorgadas polo padroado, de conformidade co certificado do acordo que conste na acta da correspondente reunión.
  • Revogación da delegación e dos apoderamentos: escritura pública na que conste tal circunstancia.

FUSIÓN, ESCISIÓN OU EXTINCIÓN

Fusión:

  • Con carácter previo: solicitude de cualificación ao protectorado, achegando o informe xustificativo da fusión e os estatutos da nova fundación (non suxeito a pago de taxa).
  • Escritura pública que inclúa a cualificación indicada no parágrafo anterior, os certificados dos acordos adoptados polos padroados, a estrutura xurídica da operación de fusión, o balance no momento de acordarse, unha memoria explicativa da súa incidencia no cumprimento dos fins fundacionais, os estatutos da fundación resultante e a identificación dos membros do primeiro padroado.

Escisión:

  • Con creación dunha nova fundación
    • Con carácter previo: comunicación ao protectorado, achegando o acordo motivado do padroado, o informe xustificativo da escisión e o cumprimento do previsto na Lei de Fundacións de Interese Galego (non suxeito a pago de taxa).
    • Escritura pública que inclúa o acordo do padroado e os requisitos indicados na Lei de Fundacións de Interese Galego.
  • Con transmisión do escindido a outra/s fundación/s xa existente/s
    • Con carácter previo: solicitude de autorización ao protectorado, achegando o certificado do acordo aprobatorio do padroado, o informe xustificativo e o patrimonio incluído (non suxeito a pago de taxa).
    • Escritura pública outorgada por todas as fundacións participantes na escisión que inclúa a autorización do protectorado e o sinalado no parágrafo anterior.

Extinción:

  • Por expiración do prazo polo que foi constituída: comunicación ao protectorado do acordo do padroado sobre o inicio do procedemento de liquidación.
  • Por realizarse integramente o fin fundacional ou por imposibilidade material ou xurídica para a súa realización
    • Con carácter previo: solicitude de ratificación ao protectorado, achegando o certificado do acordo do padroado, a memoria xustificativa da concorrencia dunha das causas de extinción (se fora por causa de imposibilidade material haberá que xustificar, ademais, a improcedencia ou imposibilidade de modificar os estatutos ou de levar a práctica un proceso de fusión sempre que o fundador non o prohibise), as contas na data en que se adoptou o acordo de extinción e o proxecto de distribución de bens e dereitos resultantes da liquidación (non suxeito a pago de taxa).
    • Escritura pública na que conste, ademais da ratificación do protectorado, o indicado no parágrafo anterior.

ALLEAMENTO E GRAVAME

Certificación do acordo do padroado especificando a identidade e descrición do obxecto do acordo, así como a súa valoración económica, se é o caso; e unha memoria explicativa das razóns que o xustifican, ademais dun pronunciamento expreso sobre a viabilidade económico-financeira da fundación.

OUTROS ACTOS SUXEITOS A INSCRICIÓN

  • Modificación da dotación
    • Escritura pública na que conste a realidade da achega, así como a manifestación da vontade do achegador de integración na dotación ou, na súa falta, o acordo do padroado sobre o réxime aplicable á achega efectuada.
    • Certificado de depósito da cantidade correspondente a nome da fundación nunha entidade de crédito, no caso de que a achega fose en cartos; ou descrición de bens e dereitos xuntamente coa taxación realizada por unha persoa experta independente, no caso das achegas non pecuniarias.
  • Constitución, modificación supresión de comisións e outros órganos polo padroado, así como o nomeamento e cesamento dos seus membros: escritura pública que indique o acordo do padroado e as súas competencias, facultades e funcións (constitución ou modificación) e o nomeamento e aceptación expresa dos seus membros, a través de calquera das formas establecidas na Lei de Fundacións de Interese Galego.
  • Nomeamento e cesamento da xerencia da fundación: escritura pública que indique o acordo do padroado e as súas competencias, facultades e funcións.
  • Liquidación e baixa rexistral: escritura pública na que conste o contido da acta da sesión do padroado na que se acorde (incluíndo o balance e inventario na data do inicio do procedemento de liquidación); a documentación referida á adxudicación do haber resultante; e os documentos contables referidos ao peche da contabilidade.

Documentos relacionados