Declaración de utilidade pública de asociacións

As asociacións, federacións e confederacións que desenvolvan maioritariamente as súas funcións en Galicia, que se atopen inscritas nun rexistro de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia e que teñan súa sede no territorio desta Comunidade e reúnan os requisitos previstos na normativa vixente, poderán solicitar a declaración de utilidade pública.

 

Requisitos que deben cumprir as asociacións para poder ser declaradas de utilidade pública

Están regulados no artigo 32 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e concrétanse nos seguintes:

  • Que os seus fins estatutarios tendan a promover o interese xeral.
  • Que a súa actividade non estea restrinxida a beneficiar exclusivamente ás súas persoas asociadas.
  • Que os cargos directivos non perciban retribucións ou, de facelo, que estes non o sexan con cargo a fondos ou subvencións públicas.
  • Que conten con suficientes medios materiais e persoais.
  • Que leven inscritas no rexistro respectivo e en funcionamento polo menos dous anos antes da presentación da solicitude da declaración de utilidade pública.

A declaración de utilidade pública corresponde á Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, e, de ser favorable, publicarase no Diario Oficial de Galicia. A falta de resolución expresa no prazo de seis meses desde a presentación da solicitude implica a súa desestimación. 

 

Beneficios que comporta a declaración de utilidade pública
  • Empregar a mención 'Declarada de utilidade pública' en toda clase de documentos, a continuación da súa denominación.
  • Desfrutar das exencións e beneficios fiscais recoñecidos nas leis, nomeadamente os previstos na Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
  • Dereito de asistencia xurídica gratuíta nos termos previstos na lexislación específica.

 

Documentación a presentar
  1. Solicitude de declaración de utilidade pública (modelo PR310A): formulada por unha das persoas titulares da xunta directiva e dirixida ao rexistro competente. No caso de que a solicitude sexa formulada por outra persoa, deberá acreditarse a representación por calquera medio válido en dereito. Na solicitude deberá constar:
    • Os datos de identificación da entidade solicitante, natureza xurídica
    • Número e data de inscrición no Rexistro de asociacións
    • Número de identificación fiscal.
  2. Deberán constar, ademais, claramente e de forma sucinta, as razóns da petición e informe xustificativo dos obxectivos da asociación para que sexa considerada como de utilidade pública, con especial referencia ás súas actividades de interese xeral, de conformidade coas enunciadas no artigo 32.1.a) da Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación.
  3. Memorias, na que se reflictan as actividades que desenvolva, ininterrompidamente, como mínimo, durante os dous exercicios económicos anuais precedentes a aquel no que se presenta a solicitude. A devandita memoria deberá ser asinada por todas as persoas titulares da xunta directiva ou órgano de representación.
  4. Contas anuais dos dous últimos exercicios pechados, comprensivas do balance de situación, a conta de resultados e a memoria económica, que amosen a imaxe fiel do patrimonio, da situación financeira e dos resultados da entidade. Os devanditos documentos presentaranse asinados por todas as persoas titulares da xunta directiva ou órgano de representación.
  5. Certificación da Axencia Estatal de Administración Tributaria na que conste que se atopa ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias e que non constan débedas co Estado de natureza tributaria en período executivo.
  6. Certificación da Consellería de Economía e Facenda na que conste que se atopa ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias e que non constan débedas coa Comunidade Autónoma de natureza tributaria en período executivo.
  7. Certificación da Tesourería Xeral da Seguridade Social de atoparse ao corrente nas súas obrigas coa Seguridade Social.
  8. Copia de alta no epígrafe correspondente do Imposto sobre Actividades Económicas, no seu caso.
  9. Certificación (modelo formato .docx - modelo formato .odt) do acordo do órgano da asociación que sexa competente polo que se solicita a declaración de utilidade pública. As solicitudes deberán dirixirse ao rexistro autonómico ou provincial no que conste inscrita a entidade solicitante. Consultar en https://asociacions.xunta.gal 
  10. Xustificante do pagamento da taxa correspondente.

 

Depósito das contas anuais

As asociacións declaradas de utilidade pública deberán presentar ante o rexistro no que consten inscritas as contas anuais do exercicio anterior (no prazo dos seis meses seguintes á finalización do exercicio económico), acompañando a seguinte documentación:

  • Certificación do acordo da asemblea xeral que conteña a aprobación das contas e no seu caso nomeamento dos auditores.
  • Contas anuais comprensivas de balance de situación, conta de resultados e memoria económica. Presentadas conforme ás normas previstas no Real Decreto 1491/2011 de 24 de outubro polo que se regula o plan xeral contabilidade das entidades sen fins de lucro. Cando deban ser sometidas a auditoría terán que achegar un exemplar do informe dos auditores asinado.
  • Memoria descritiva das actividades do exercicio segundo o modelo previsto na Orde INT/1089/2014 de 11 de xuño 

As contas anuais e a memoria de actividades deben presentarse asinadas por todas as persoas titulares da xunta directiva ou órgano de representación.

Modelos: poden consultar modelos de documentación contable na sele electrónica http://www.interior.gob.es/web/servicios-al-ciudadano/modelos-de-solicitud/asociaciones/modelos-para-asociaciones-de-utilidad-publica

 

Revogación da declaración de utilidade pública

O incumprimento da presentación da documentación contable motiva a tramitación da revogación da declaración de utilidade pública da asociación, nos termos previstos na normativa vixente.