O galego nas institucións da UE
Linguas oficiais na UE e uso do galego nas institucións e órganos comunitarios
Trala incorporación de Croacia en 2013, a Unión Europea conta na actualidade con 24 linguas oficiais: búlgaro, croata, checo, danés, neerlandés, inglés, estoniano, finés, francés, alemán, grego, húngaro, irlandés, italiano, letón, lituano, maltés, polaco, portugués, romanés, eslovaco, esloveno, español e sueco.
O réxime lingüístico da Unión Europea está regulado polo Regulamento do Consello 1/1958, modificado posteriormente trala entrada dos sucesivos Estados membros.
O status de lingua oficial supón, principalmente, dous dereitos:
- Poder enviar documentos ás institucións da UE en calquera lingua oficial e recibir resposta na mesma lingua.
- Publicación dos regulamentos e demais textos de alcance xeral en todas as linguas oficiais.
Utilización do galego nas institucións e órganos comunitarios
O Goberno de España iniciou en 2005 un procedemento encamiñado a posibilitar a utilización das linguas cooficiais das Comunidades Autónomas españolas nas institucións e órganos comunitarios.
En data 13 de xuño de 2005 o Consello de Ministros da UE adoptou un documento de “Conclusións” relativo ao “uso oficial doutras linguas no Consello e, se é o caso, noutras institucións e órganos da Unión Europea”.
O contido do Acordo refírese a tres niveis:
- Publicación dos actos adoptados mediante codecisión polo Parlamento Europeo e o Consello.
- Intervención orais nas sesións do Consello e doutras institucións ou órganos da Unión.
- Comunicacións escritas coas institucións ou órganos da UE.
Posteriormente, en base a dito documento, o Goberno de España iniciou negociacións coas distintas institucións co obxecto de acadar acordos administrativos específicos para a efectiva utilización por parte dos cidadáns españois das linguas cooficiais das Comunidades Autónomas.
Como resultado de ditas negociacións, o Reino de España asinou os seguintes acordos administrativos:
- Acordo administrativo entre o Reino de España e o Comité Europeo das Rexións.
- Acordo administrativo entre o Reino de España e o Consello da Unión Europea.
- Acordo administrativo entre o Reino de España e a Comisión Europea.
- Acordo administrativo entre o Reino de España e o Comité Económico e Social Europeo.
- Acordo administrativo entre o Reino de España e o Defensor do Pobo Europeo.
- Acordo administrativo entre o Reino de España e o Tribunal de Xustiza Europeo.
Polo que respecta ao Parlamento Europeo, a súa Mesa adoptou un acordo en data 3 de xullo de 2006 para posibilitar a utilización das linguas cooficiais españolas distintas do castelán nas súas comunicacións cos cidadáns, sen necesidade de formalizar un acordo administrativo específico entre dita institución e o Reino de España.