Oportunidades profesionais na UE

Traballo e prácticas na Unión Europea e organismos internacionais

Traballo na Unión Europea

As institucións, organismos e axencias da Unión Europea convocan de forma periódica procesos selectivos para cubrir postos de traballo en diferentes categorías, abertos a todos os cidadáns nacionais dalgún dos estados membros sen límite de idade para participar. 

Prácticas para universitarios na Unión Europea

Os estudantes e titulados universitarios teñen a posibilidade de realizar prácticas profesionais durante un tempo determinado nos distintos órganos, institucións e axencias da UE co obxectivo de que se familiaricen coa Administración Comunitaria.

Existen convocatorias independentes para cada institución, organismo e axencia. A Unidade de Apoio (UDA) da Representación Permanente de España ante a UE elabora e publica un boletín informativo sobre ofertas de emprego e prácticas nas institucións UE.

Estancias de persoal funcionario na Unión Europea

Os empregados públicos das administracións dos estados membros poden ampliar a súa experiencia profesional realizando estancias de carácter temporal na administración das distintas institucións europeas. Estas estancias enmárcanse en tres programas diferentes: Expertos Nacionais Destacados (END), Expertos Nacionais en Formación Profesional e Erasmus para a Administración Pública.

Expertos nacionais destacados

Será necesario acreditar atoparse en activo, dispor dunha experiencia de polo menos tres anos e un coñecemento excelente dunha das linguas oficiais da UE e un coñecemento satisfactorio doutra lingua. Durante un mínimo de seis meses e un máximo de catro anos (prorrogable a seis), o END, que continúa en situación de servizo activo en comisión de servizos na súa Administración de orixe, desenvolve a súa actividade profesional nunha unidade da administración comunitaria

Expertos Nacionais en Formación Profesional

Dirixido a empregados públicos das administracións dos estados membros que desenvolvan a súa actividade profesional en ámbitos de competencia relacionados coa administración europea. Consiste en realizar unha estancia no seo dunha unidade da Comisión durante un período de entre tres e cinco meses.

Preténdese un mellor coñecemento dos métodos de traballo e as políticas da Comisión, ofrecendo ao mesmo tempo a posibilidade de traballar nunha contorna multicultural e multilingüe, así como que poñan en práctica os coñecementos adquiridos nos seus respectivos ámbitos de competencia cando volvan á súa administración de orixe.

TAIEX Asistencia técnica de expertos

TAIEX Technical Assistance and Information Exchange (Asistencia técnica e intercambio de información) é un instrumento da Comisión Europea que ofrece a asistencia técnica de expertos do sector público dos estados membros da UE a terceiros países beneficiarios, tanto a países veciños de Europa como a outros países do mundo.

Trátase dunha base de datos de expertos do sector público para dar apoio ás Administracións públicas dos terceiros países na aproximación, aplicación e execución das políticas e lexislación da UE, compartindo experiencia e boas prácticas na xestión pública.

Os funcionarios públicos dos Estados membros da UE con coñecementos especializados pertinentes para os beneficiarios de TAIEX poden rexistrarse como expertos e son seleccionados en función das necesidades que se identifican nos países beneficiarios. A colaboración das persoas expertas pódese facer a través de talleres, misións de expertos e visitas de estudos.

TAIEX cobre os gastos de viaxe e manutención dos expertos que se desprazan e pode tamén pagar unha compensación dun máximo de 350 euros por día.

Proxectos Twinning

Os proxectos Twinning son un instrumento da Unión Europea para a cooperación institucional entre as Administracións públicas dos estados membros da UE e dos países beneficiarios ou socios. Reúnen a expertos do sector público dos estados membros e dos países beneficiarios e pretenden apoiar a transposición, a posta en marcha e a aplicación da lexislación europea (acervo).

Ademais, están destinados a compartir boas prácticas postas en marcha na UE coas Administracións públicas beneficiarias e a apoiar relacións sostibles e duradeiras entre os actuais países membro e os futuros.

Para a súa implementación requírese habitualmente dunha/dun xefa/e de proxecto, dun/dunha técnico/a residente (RTAs - Resident Twinning Advisor) que permanecerá no terreo durante a implementación do proxecto, dunha persoa líder de cada compoñente do proxecto e de persoas expertas de curto prazo que participarán en misións de ao redor dunha semana.

As Administracións públicas poden solicitar xestionar un proxecto Twinning por si mesmas ou ben concurrir aos proxectos en colaboración coa FIIAPP, que se encarga de toda a xestión do proxecto a nivel xurídico, financeiro e loxístico.

A SX de Relacións coa UE actúa como punto focal distribuíndo a información dos proxectos que xestiona a FIIAP.

Erasmus para as administracións públicas (Erasmus for Officials)

A Comisión Europea organiza períodos de prácticas de curta duración destinados a novos empregados públicos dos Estados membros que traballan en temas europeos. Entre outros requisitos esíxese unha antigüidade non maior de 5 anos a contar desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes; pertencer a un grupo ou categoría profesional que requira estar en posesión dun título universitario; levar polo menos 6 meses no posto que se desempeñe nese momento en calquera das Administracións públicas e que teña relación coas políticas da Unión Europea.

Traballo en organismos internacionais

Existe un amplo abanico de organismos internacionais que ofrecen oportunidades de emprego. 

No marco da política do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e de Cooperación para promocionar a presenza de españois en Organizacións Internacionais, a Unidade de Funcionarios Internacionais desenvolve unha función de información sobre os organismos internacionais, as posibilidades de traballo que ofrecen, os seus procedementos de selección de persoal e as vacantes que convocan.