Relacións exteriores e coa Unión Europea
- Relacións exteriores e coa Unión Europea
Funcións e competencias
A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, exercerá as competencias que lle atribúe o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, modificado polo Decreto 11/2015, do 5 de febreiro.
En concreto, o artigo 32, segundo a redacción dada no Decreto 11/2015, do 5 de febreiro (DOG núm. 27 do 10/2/2015) recolle cales son as atribucións da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE:
- A execución da actividade europea e da actividade exterior da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias sectoriais que a cada departamento lle correspondan.
- A cooperación institucional e técnica en relación co proceso de integración europea, especialmente naquelas materias relacionadas coas políticas rexionais e sectoriais, e nas organizacións rexionais europeas non comunitarias.
- A coordinación entre os departamentos da Xunta de Galicia para os asuntos relacionados coa Unión Europea e coa acción e cooperación exteriores.
- A elaboración dos plans e estratexias no marco da Unión Europea, da acción exterior e da cooperación ao desenvolvemento, nos cales se determinarán as prioridades xeográficas e sectoriais de actuación da Xunta de Galicia.
- A representación da Comunidade Autónoma nos órganos que existan entre a Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas, sobre acción exterior e cooperación ao desenvolvemento, sen prexuízo das competencias doutros órganos autonómicos.
- A promoción das relacións de cooperación con entidades e institucións non estatais ou subestatais estranxeiras, fomentando especialmente a dimensión de xénero en todas elas, sen prexuízo das funcións doutros departamentos ou centros directivos.
- A elaboración das propostas de desenvolvemento normativo nas materias da súa competencia.
- O fomento da imaxe integral de Galicia no exterior.
- O seguimento das actuacións da Fundación Galicia Europa.
- A tramitación das notificacións oficiais de axudas públicas e das correspondentes ás actuacións inherentes ás queixas e infraccións comunitarias nas cales o Ministerio de Asuntos Exteriores ou a Comisión Europea requiran un único centro de notificación e de interlocución.
- O desempeño das tarefas inherentes á súa condición de organismo intermedio para a xestión dos fondos comunitarios destinados á cooperación transfronteiriza, de conformidade co establecido nos regulamentos comunitarios, nas disposicións de aplicación do programa operativo e no acordo que se subscriba coa autoridade de xestión.
- A canalización da información que se xere no ámbito da Unión Europea e que sexa de interese para as distintas consellerías e órganos superiores da Xunta de Galicia, para as entidades integrantes do sector público autonómico e para a sociedade galega en xeral.
- Aqueloutras que, dentro do seu ámbito competencial, lle sexan asignadas ou delegadas.