Traballar na UE
Traballo e prácticas na Unión Europea e organismos internacionais
Traballo na Unión Europea
As institucións, organismos e axencias da Unión Europea convocan de forma periódica procesos selectivos para cubrir postos de traballo en diferentes categorías, abertos a todos os cidadáns nacionais dalgún dos estados membros sen límite de idade para participar.
Prácticas para universitarios na Unión Europea
Os estudantes e titulados universitarios teñen a posibilidade de realizar prácticas profesionais durante un tempo determinado nos distintos órganos, institucións e axencias da UE co obxectivo de que se familiaricen coa Administración Comunitaria.
Existen convocatorias independentes para cada institución, organismo e axencia. A Unidade de Apoio (UDA) da Representación Permanente de España ante a UE elabora e publica un boletín informativo sobre ofertas de emprego e prácticas nas institucións UE.
Estancias de persoal funcionario na Unión Europea
Os empregados públicos das administracións dos estados membros poden ampliar a súa experiencia profesional realizando estancias de carácter temporal na administración das distintas institucións europeas. Estas estancias enmárcanse en tres programas diferentes: Expertos Nacionais Destacados (END), Expertos Nacionais en Formación Profesional e Erasmus para a Administración Pública.
Expertos nacionais destacados
Será necesario acreditar atoparse en activo, dispor dunha experiencia de polo menos tres anos e un coñecemento excelente dunha das linguas oficiais da UE e un coñecemento satisfactorio doutra lingua. Durante un mínimo de seis meses e un máximo de catro anos (prorrogable a seis), o END, que continúa en situación de servizo activo en comisión de servizos na súa Administración de orixe, desenvolve a súa actividade profesional nunha unidade da administración comunitaria
Expertos Nacionais en Formación Profesional
Dirixido a empregados públicos das administracións dos estados membros que desenvolvan a súa actividade profesional en ámbitos de competencia relacionados coa administración europea. Consiste en realizar unha estancia no seo dunha unidade da Comisión durante un período de entre tres e cinco meses.
Preténdese un mellor coñecemento dos métodos de traballo e as políticas da Comisión, ofrecendo ao mesmo tempo a posibilidade de traballar nunha contorna multicultural e multilingüe, así como que poñan en práctica os coñecementos adquiridos nos seus respectivos ámbitos de competencia cando volvan á súa administración de orixe.
Erasmus para as administracións públicas (Erasmus for Officials)
A Comisión Europea organiza períodos de prácticas de curta duración destinados a novos empregados públicos dos Estados membros que traballan en temas europeos. Entre outros requisitos esíxese unha antigüidade non maior de 5 anos a contar desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes; pertencer a un grupo ou categoría profesional que requira estar en posesión dun título universitario; levar polo menos 6 meses no posto que se desempeñe nese momento en calquera das Administracións públicas e que teña relación coas políticas da Unión Europea.
Traballo en organismos internacionais
Existe un amplo abanico de organismos internacionais que ofrecen oportunidades de emprego.
No marco da política do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e de Cooperación para promocionar a presenza de españois en Organizacións Internacionais, a Unidade de Funcionarios Internacionais desenvolve unha función de información sobre os organismos internacionais, as posibilidades de traballo que ofrecen, os seus procedementos de selección de persoal e as vacantes que convocan.
Ligazóns relacionadas
- Portal "Traballar en Europa" EU Careers
- Traballar na Comisión Europea
- Fundación Galicia Europa - Oportunidades de prácticas na Unión Europea e organismos internacionais
- Programas de prácticas
- Guía de prácticas e saídas laborais na Unión Europea
- Traballar nas administracións da Unión Europea
- Unidade de funcionarios/as internacionais