Participación de Galicia en órganos estatais para asuntos europeos
Conferencia para Asuntos Relacionados coa UE (CARUE)
A Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE), constituída no ano 1988, é un órgano de cooperación, consulta e deliberación entre o Estado e as comunidades autónomas, co fin de articular adecuadamente a concorrencia destas na participación nos asuntos europeos e garantir a súa participación efectiva na fase de formación da vontade do Estado ante as institucións comunitarias e na execución do Dereito comunitario. A devandita Conferencia institucionalízase por Acordo entre a Administración do Estado e as Comunidades Autónomas na súa reunión do 29 de outubro de 1992 e posteriormente regúlase por Lei 2/1997, do 13 de marzo.
A Conferencia está integrada pola persoa responsable do Ministerio onde se encadre a competencia de Administracións Públicas, que a preside, e polos/as conselleiros/as, designados/as por cada CC. AA., responsables dos asuntos que a integra. Representan á Administración xeral do Estado, ademais, o/a secretario/a de Estado de Política Exterior e para a UE e o/a secretario/a de Estado para as Administracións Territoriais.
Funcións da Conferencia:
- Información ás CC. AA. e discusión en común sobre o desenvolvemento do proceso de construción europea.
- Articulación de mecanismos para facer efectiva a participación das CC. AA. na formación da vontade do Estado.
- Tratamento e resolución, conforme ao principio de cooperación, daquelas cuestións de alcance xeral ou contido institucional relacionadas coa Unión Europea (procedementos técnicos, técnica normativa, fórmulas de participación en cumprimento de obrigacións, problemas expostos na execución do Dereito comunitario, cuestións relativas á participación das CC. AA. que carezan de conferencia sectorial…).
- Impulso e seguimento do procedemento de participación das CC. AA., a través das respectivas conferencias sectoriais ou organismo equivalente, nas políticas ou accións comunitarias que afecten as competencias daquelas.
- Garantir o cumprimento nas conferencias sectoriais dos procedementos e fórmulas de participación das CC. AA.
A Conferencia estrutúrase en tres ámbitos: pleno, comisión de coordinadores/as e grupos de traballo.
Participación de Galicia en CARUE
Desde a creación desta Conferencia, Galicia participou activamente en todos os seus órganos e foi unha das CC. AA. impulsoras de moitas das propostas debatidas no seo da CARUE dirixidas a alcanzar unha maior participación autonómica nos asuntos europeos, buscando sempre o equilibrio entre a lealdade institucional e a defensa dos intereses autonómicos. Este foi o caso dos acordos relativos á creación da figura do Conselleiro Autonómico; a modificación do regulamento interno de CARUE; o impulso da participación das CC. AA. en diversas formacións do Consello e nos comités da Comisión Europea; ou a participación das CC. AA. nos procedementos ante o Tribunal de Xustiza da UE ou sobre seguridade social e asistencia sanitaria das persoas que prestan os seus servizos nas oficinas das CC. AA. en Bruxelas.
Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia para asuntos relacionados coas comunidades autónomas
A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas súas normas de organización e funcionamento adoptadas o 10 de marzo de 2003, concíbese como “un instrumento esencial de cooperación e entendemento entre ambas as Administracións”.
Entre as súas funcións atópanse a de deseñar mecanismos de colaboración mutua nas distintas áreas nas que poida confluír a actividade de ambas as Administracións; impulsar e concretar, desde o punto de vista bilateral, a realización de plans, programas e actuacións conxuntas para o desenvolvemento das políticas comúns nos distintos ámbitos sectoriais; ou arbitrar propostas de solución a cuestións que interesen a ambas as Administracións en asuntos da súa competencia.
A Comisión poderá acordar a creación de órganos dependentes da mesma coa composición e funcións que se estableza. En base a isto, en febreiro de 2010 créase o Grupo de Traballo de Asuntos Europeos e Acción Exterior que terá entre as súas funcións o seguimento da acción exterior do Estado que afecte as competencias propias da Comunidade Autónoma de Galicia, e a participación desta nos asuntos relacionados coa UE que afecten as competencias e intereses de Galicia, nos termos que establecen o Estatuto de Autonomía e a lexislación do Estado.