Consello da Unión Europea
O Consello, órgano lexislativo da Unión Europea, está integrado por membros do Consello de goberno de cada país membro, en función do tema que se vaia tratar. Reúnese para debater, modificar e adoptar medidas lexislativas e coordinar políticas. Desde o ano 2005 as comunidades autónomas (CC. AA.) participan en determinadas formacións do Consello da Unión Europea, en aplicación dos acordos do 9 de decembro de 2004, adoptados pola Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE). Mediante estes acordos deuse unha nova configuración á Consellería para Asuntos Autonómicos da Representación Permanente de España ante a UE (REPER) e estableceuse un sistema de representación autonómica en determinadas formacións do Consello da UE.
O modelo contempla, dentro do principio de unidade de representación exterior do Estado e de lealdade institucional, a presenza directa no Consello da UE de representantes autonómicos, con rango de conselleiro/a ou membro dun Consello de Goberno autonómico, en diversos niveis: grupos de traballo e Consello, articulándoo ao redor dun sistema de participación áxil e flexible, susceptible dun gradual desenvolvemento. O/a representante autonómico/a incorpórase á delegación española nas reunións do Consello da UE en representación das demais CC. AA. e poderá solicitar o uso da palabra á xefatura da delegación se están a debaterse cuestións que afecten a competencias autonómicas e existe unha posición común autonómica que expresar.
A participación rotatoria das CC. AA. establécese por semestres. Debido á heteroxeneidade dos sistemas de rotación establecidos en principio para cada formación, mediante acordo do 10 de decembro de 2018 adoptado no seo de CARUE, fixouse un novo criterio homoxéneo e baseado na orde de aprobación dos estatutos de autonomía para determinar a orde de rotación na representación das CC. AA. en todas as formacións do Consello da UE abertas a participación autonómica.
Coa finalidade de precisar determinados contidos e cuestións de orde práctica para facilitar a aplicación dos acordos mencionados e facer posible unha efectiva e eficaz participación das CC. AA. no Consello da Unión Europea, o pleno de CARUE adoptou o 10 de decembro de 2018 unha “Guía de boas prácticas para a aplicación do acordo sobre o sistema de representación autonómica nas formacións do Consello da Unión Europea”.
Formacións do Consello abertas á participación autonómica
- Emprego, Política Social, Sanidade e Consumidores (EPSCO)
- Agricultura e Pesca (AGRIPESC)
- Medio Ambiente (ENVI)
- Educación, Mocidade, Cultura e Deporte (EJCD)
- Consumo e Xogo, dentro da formación de Competitividade (COMPET)
Como se participa?
Como regra xeral, as CC. AA. participan de maneira rotatoria en períodos de seis meses, tanto nas sesións plenarias do Consello (ás que asiste a persoa que exerce o cargo de conselleiro/a competente da comunidade autónoma) coma nos grupos de traballo (aos que asiste persoal técnico).
As principais funcións da comunidade autónoma coordinadora son:
- Asistir ás reunións do Consello, a través da incorporación á delegación española dun membro do Consello de Goberno da comunidade autónoma que ostente a representación.
- Poñer a disposición do resto de rexións a documentación relativa aos contidos e resultados destas reunións.
- Acordar unha posición común co resto das CC. AA. para poñela de manifesto no Consello.
- Realizar un documento de balance da coordinación e traspaso á comunidade autónoma encargada destas tarefas durante o seguinte semestre.
Cando e en que formacións do Consello participou Galicia?
Desde o inicio do exercicio da representación autonómica no Consello da Unión Europea (2005), Galicia ostentou a representación autonómica nas formacións que pode consultar neste documento.