Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións (CdR) é un órgano consultivo da Unión Europea, no que están representados os entes rexionais e locais. A súa tarefa principal é participar no proceso decisorio comunitario en defensa dos intereses dos poderes rexionais e locais. Creado polo Tratado de Maastricht en 1992, está integrado actualmente por 329 membros, representantes electos ou responsables ante unha asemblea electa.

A Comisión Europea (CE) e o Consello da UE deben consultar ao CdR cando realicen propostas relativas a diversos ámbitos de interese específico dos entes rexionais e locais: a cohesión económica, social e territorial, os Fondos Estruturais, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, o Fondo Social Europeo, o emprego e os asuntos sociais, a educación, a mocidade, a formación profesional, a cultura e o deporte, o medio ambiente, a enerxía e o cambio climático, o transporte, as redes transeuropeas e a sanidade pública.

Fóra destas áreas, a Comisión Europea, o Consello e o Parlamento Europeo (PE) tamén poden consultar ao CdR. Ademais, o Comité pode emitir ditames por propia iniciativa sobre asuntos de interese para as entidades rexionais e locais.

Os órganos do CdR son a Asemblea, o/a presidente, a Mesa, a Conferencia de presidentes e as comisións. Na actualidade existen seis comisións:

  • CIVEX: Comisión de cidadanía, gobernanza e asuntos institucionais e de exteriores
  • COTER: Comisión de política de cohesión territorial
  • ECON: Comisión de política económica e social
  • ENVE: Comisión de medio ambiente, cambio climático e enerxía
  • NAT: Comisión de recursos naturais 
  • SEDEC: Comisión de política social, educación, emprego, investigación e cultura

Funcións:

  • Dar voz aos entes rexionais e locais na redacción da lexislación da UE. 
  • Achegar Europa á súa cidadanía e fomentar unha cultura da subsidiariedade.
  • Participar no diálogo coas institucións europeas e levar a cabo un seguimento dos actos lexislativos.
  • Preparar ditames sobre cuestións que afecten ás entidades rexionais e locais europeas, ben a pedimento das institucións en materias establecidas nos Tratados, ben por propia iniciativa.
  • Dereito a incoar accións ante o Tribunal de Xustiza en caso de omisión da consulta obrigatoria pertinente ou de atención indebida ao principio de subsidiariedade.

Galicia no Comité Europeo das Rexións

Desde a posta en marcha do CdR en febreiro de 1994, a Comunidade Autónoma de Galicia estivo representada neste órgano a través dos presidentes do goberno da Xunta de Galicia.

No actual período lexislativo 2020-2025, Galicia forma parte das comisións de Recursos Naturais (NAT) e de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e de Exteriores (CIVEX), na que ademais exerce a coordinación do Grupo político PPE. Así mesmo, participa nos grupos interrexionais de Automoción e Cooperación Transfronteiriza. 

Galicia é unha das rexións máis activas canto á participación nos traballos do CdR, elaboración de ditames, presentación de emendas, participación na Semana Europea de Rexións e Cidades (EWRC) ou a representación do propio Comité en diversos foros. 

Ditames elaborados polos representantes de Galicia