Conferencia sobre o futuro de Europa
O pasado 10 de marzo, o presidente do Parlamento Europeo, David Sassoli, a presidenta da Comisión, Ursula Von der Leyen, e o primeiro ministro de Portugal, Antonio Costa, en nome da Presidencia do Consello, firmaron a Declaración conxunta relativa á Conferencia sobre o futuro de Europa, que establece o seu ámbito de aplicación, estrutura, obxectivos e principios.
O texto recolle o compromiso da Unión Europea para dar resposta ás preocupacións e demandas da cidadanía, axudando a concretar as tarefas e obxectivos que definirán o futuro de Europa. Así, a Conferencia defínese como un espazo de debate e exercicio de opinión centrado na cidadanía, polo que se pretende dotala dun rol máis participativo na configuración das políticas e o futuro da Unión, tanto a través de debates a diferentes escalas (europea, nacional, transnacional, rexional e local), como da achega de ideas e propostas que se recompilarán nunha Plataforma dixital multilingüe interactiva, accesible en todas as linguas oficiais da UE.
A Declaración inclúe unha lista non exhaustiva de temáticas a abordar que abranguerán, entre outros asuntos: a construción dun continente saudable, a loita contra o cambio climático e os retos medioambientais, unha economía que funcione para as persoas, a xustiza social, a igualdade e a solidariedade interxeracional, a transformación dixital de Europa, os dereitos e valores europeos ―incluído o Estado de Dereito―, os retos migratorios, a seguridade, o papel da UE no mundo, as bases democráticas da Unión e como reforzar os procesos democráticos que rexen a Unión Europea.
A presidencia da Conferencia estará exercida de forma conxunta polas tres institucións (Consello, Comisión e Parlamento Europeo) e estará dirixida por un comité executivo que será responsable da toma de decisións por consenso sobre os traballos e actos da Conferencia, así como de supervisar os avances e analizar as recomendacións da cidadanía. O Comité estará composto por tres representantes e catro observadores de cada institución.
A Conferencia sobre o Futuro de Europa iniciará os seus traballos de maneira formal o 9 de maio de 2021, con motivo da conmemoración do Día de Europa, e estenderase por un período dun ano.