Formación inicial
Obrigatoriedade da formación inicial
É obrigatorio superar a formación inicial, con carácter previo ao inicio da actividade, para todas aquelas persoas que queiran desenvolver a profesión de condutor/a profesional nunha empresa de transporte por estrada, xa sexa de mercadorías ou de viaxeiros.
Non obstante, estarán exentos da formación inicial os/as condutores/as que sexan titulares dos seguintes permisos de condución:
- Dunha das categorías D1, D1+E, D, D+E ou dun permiso recoñecido como equivalente, expedido antes do 11 de setembro de 2008.
- Dunha das categorías C1, C1+E, C, C+E ou dun permiso recoñecido como equivalente, expedido antes do 11 de setembro de 2009.
Nestes casos, non obstante, deberán superar a formación continua, de acordo co calendario que se indica na súa sección, á que se pode acceder no menú situado á esquerda desta páxina web.
Formación nun centro autorizado
A primeira fase da formación inicial consiste na superación dun curso que se imparte e se avalía por un centro de formación. Unicamente poden ofrecer este servizo os centros autorizados para o efecto pola Administración; na sección correspondente da columna da esquerda pode consultar os centros actualmente autorizados en Galicia.
O curso pode prestarse baixo dúas modalidades: ordinaria (de 280 horas de duración) ou acelerada (de 140 horas), e versará sobre as materias que para o efecto establece o Real Decreto 284/2021, do 20 de abril, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada.
Requisitos para poder concorrer ás probas
Unha vez superado o curso, as persoas aspirantes deberán presentarse a un exame convocado pola Dirección Xeral de Mobilidade.
Poderán presentarse a ese exame todas as persoas con independencia do seu lugar de residencia e do lugar en que realizaran o curso preceptivo.
Características das probas
O exame de formación inicial deberá superarse nun prazo non superior a 1 ano contado desde a finalización do curso, e versará sobre o contido das materias incluídas no anexo I do mencionado Real Decreto 284/2021.
O exame consistirá nun exame tipo test de 100 preguntas, cada unha delas con 4 respostas alternativas das cales só unha é correcta, entendendo por tal a máis completa. Non obstante, para aquelas persoas que, logo de superar a formación inicial, estean en posesión dun certificado CAP de mercadorías ou de viaxeiros e que pretendan obter o da outra modalidade, o exame constará só de 25 preguntas.
Cada resposta acertada valorarase con 1 punto, e cada erro restará 0,5 puntos. As preguntas que non se contesten non puntúan positiva nin negativamente.
Para aprobar o exame será preciso obter unha puntuación non inferior á metade do total de puntos posibles.
O tempo de que disporán as persoas aspirantes para realizar a proba será de 2 horas.
Convocatoria e inscrición
Anualmente, a Dirección Xeral de Mobilidade publica no Diario Oficial de Galicia a resolución de convocatoria co calendario das probas. Como mínimo, celébranse seis exames anuais.
A resolución de convocatoria determina tamén os prazos dentro dos cales debe facerse a inscrición. Deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que para tal fin se publica como anexo da resolución. Así mesmo, deberá achegarse o xustificante de pagamento das taxas (polo importe que tamén se sinala na convocatoria) e unha fotocopia do DNI, en caso de que non se autorice a súa consulta telemática.
De resultar excluída ou non admitida para realizar as probas, a persoa aspirante poderá solicitar a devolución da taxa aboada, presentando para tal fin o modelo normalizado que se publica xunto coa convocatoria.
Ligazóns relacionadas
Normativas relacionadas
- Resolución do 1 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se establecen as bases e as regras de desenvolvemento das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia en desenvolvemento do Real decreto 284/2021, do 20 de abril
- Resolución do 26 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2022, en desenvolvemento do Real decreto 284/2021, do 20 de abril, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada e polo que se modifica o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, aprobado polo Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro (códigos de procedemento IF310D/IF310E)