Presentación do Certificado (CAP)
Para exercer a actividade de condutor/a profesional nunha empresa de transporte público por estrada, xa sexa de mercadorías ou de viaxeiros, é preciso contar, ademais de co correspondente permiso de conducir, co Certificado de Aptitude Profesional (CAP).
Para tal efecto, a formación divídese en dúas partes ou modalidades:
- Formación inicial: é a que vai dirixida a obter por primeira vez o certificado. Consiste na superación dunha formación regrada, a través dun centro autorizado pola Administración (ver a sección de centros de formación), e dun exame convocado e axuizado pola Dirección Xeral de Mobilidade. Porén, están exentas da formación inicial as persoas que obtivesen o permiso de condución con anterioridade a certas datas (ver a sección de formación inicial).
- Formación continua: os/as condutores/as profesionais que xa estean en posesión do CAP, tanto se o obtiveron mediante a superación da formación inicial como se están exentos/as dela pola data do seu permiso de condución, deben realizar cada cinco anos un curso de actualización de coñecementos nun centro autorizado (ver a sección de centros de formación).
Pode obter máis información sobre cada unha delas a través do menú da esquerda desta páxina web.
Ligazóns relacionadas
Normativas relacionadas
- Real Decreto 284/2021, do 20 abril, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada
- Resolución do 8 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2024, en desenvolvemento do Real decreto 284/2021, do 20 de abril, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada e polo que se modifica o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, aprobado polo Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro (códigos de procedemento IF310D e IF310E)
- Resolución do 20 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se desenvolve a Resolución do 8 de novembro de 2023 pola que se convocan as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2024 (Diario Oficial de Galicia número 220, do 20 de novembro de 2023) e se nomea o tribunal para as convocatorias do ano 2024