Xestor/a de transporte (convocatoria 2026)

Ano da convocatoria: 2026

CONVOCATORIA DE EXAMES DE XESTOR/A DE TRANSPORTES 2026. Inscrición

Data de actualización: 13/11/2025

Convócanse, para o ano 2026, as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor/a de transporte en empresas de transporte por estrada, tanto na súa modalidade de mercadorías como na de viaxeiros/as, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co calendario e demais condicións previstas na Resolución do 29 de outubro de 2025, da Dirección Xeral de Mobilidade.

Na convocatoria para este ano 2026 ábrense catro períodos de inscrición:

  • Primeiro período: as solicitudes presentaranse entre o 14 de novembro de 2025 e o 21 de xaneiro de 2026.
  • Segundo período: as solicitudes presentaranse entre o 22 de xaneiro e o 15 de abril de 2026.
  • Terceiro período: as solicitudes presentaranse entre o 16 de abril e o 13 de xullo de 2026.
  • Cuarto período: as solicitudes presentaranse entre o 14 de xullo e o 09 de outubro de 2026.

Prevese que as probas se realicen:

  • Entre o 23 de febreiro e 31 de marzo, para as solicitudes que se presenten no primeiro período.
  • Entre o 18 de maio e o 30 de xuño, para as solicitudes que se presenten no segundo período.
  • Entre o 31 de agosto e o 30 de setembro, para as solicitudes que se presenten no terceiro período.
  • Entre o 10 de novembro e o 18 de decembro, para as solicitudes que se presenten no cuarto período.

A orde de chamamento realizarase de forma análoga ao disposto na Resolución, do 21 de xaneiro de 2025, pola que se fai público o resultado do sorteo ao que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro), polo que a orde de chamamento comezará por aquelas persoas cuxo primeiro apelido comece pola letra “F”.

As persoas inscritas convocaranse con polo menos 10 días naturais de antelación á celebración dos exames. As persoas interesadas poden concorrer indistintamente a cada un dos catro períodos.

As persoas aspirantes que cumpran os requisitos para acceder ás probas, fixados no punto 3 da Resolución do 29 de outubro de 2025, poderán presentarse á modalidade de xestor/a de transporte para empresas de transporte de mercadorías por estrada e á de xestor/a de transporte para empresas de transporte de viaxeiros/as por estrada, ou só a unha delas.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no procedemento IF312A.

As persoas interesadas deberán axuntar coa solicitude a seguinte documentación:

  • Documentación xustificativa do pagamento das taxas administrativas devindicadas pola tramitación da solicitude, agás que sexa aplicable algunha exención legal (código da taxa 31 01 20).
  • Documentación xustificativa de padecer unha discapacidade no caso de que o órgano que recoñece a discapacidade non dependa da Xunta de Galicia.

O ingreso da/s taxa/s deberá facerse en liña, a través da Oficina Virtual Tributaria dispoñible na web da Consellería de Facenda, indicando para o efecto os seguintes códigos:

  • Consellería de: Presidencia, Xustiza e Deportes: código 04
  • Delegación de: Servizos centrais: código 13
  • Servizo de: Mobilidade: código 26
  • Denominación: Inscrición nas probas para a obtención da competencia profesional para a actividade de transporte: código 31.01.20
  • Importe da taxa para o ano 2025: 27,31 €

As persoas que resulten definitivamente excluídas para realizar as probas poderán solicitar a devolución da taxa aboada por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no procedemento IF312B.

A devolución deberá solicitarse:

  • Se resulta excluído da realización das probas do primeiro período, deberá solicitar a devolución do importe entre o 15 de abril e o 15 de maio de 2026.
  • Se resulta excluído da realización das probas do segundo período, deberá solicitar a devolución do importe entre o  15 de xullo e o 17 de agosto de 2026.
  • Se resulta excluído da realización das probas do terceiro período, deberá solicitar a devolución do importe entre o 15 de outubro e o 16 de novembro de 2026.
  • Se resulta excluído da realización das probas do cuarto período, deberá solicitar a devolución do importe entre o 2 de xaneiro e o 29 de xaneiro de 2027.

Contactos relacionados

    • Nome: Teléfono de información

    • Teléfono: 881 995 053