Xestor/a de transporte
Para exercer a actividade de transporte público por estrada, xa sexa como traballador/a autónomo/a ou a través dunha sociedade, é necesario contar, entre outros requisitos, coa capacitación profesional axeitada. Sen prexuízo de poder acreditar esta a través de estudos de formación profesional homologables, existe tamén a posibilidade de realizar un exame que convoca anualmente a Dirección Xeral de Mobilidade e que, en caso de superalo, dá lugar á expedición do certificado de competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor/a de transporte en empresas de transporte por estrada.
Requisitos para poder concorrer ás probas
Para acceder ás probas de xestor/a de transporte convocadas pola Dirección Xeral de Mobilidade será preciso cumprir, antes da finalización do prazo de presentación das solicitudes, os seguintes requisitos:
- Posuír algún dos títulos de formación esixidos pola normativa vixente
- Ter residencia habitual en Galicia, tal e como figura na resolución da convocatoria
Características das probas
De conformidade co que establece o anexo II do Real decreto 1211/1990, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, os exames constarán de dúas partes e efectuaranse en ordenador contestando un cuestionario individualizado.
A primeira proba consistirá en contestar 200 preguntas, cada unha das cales contará con catro respostas alternativas, e a segunda proba consistirá en resolver catro supostos prácticos, nos que a persoa aspirante deberá elixir entre oito respostas alternativas en cada un dos supostos.
O tempo para a realización de cada unha das probas de que consta o exame será de dúas horas.
- A primeira proba terá unha puntuación máxima de 200 puntos. Cada pregunta correctamente respondida puntuará 1 punto e cada resposta errónea penalizarase descontando un terzo do valor dunha resposta correcta.
- A segunda proba terá igualmente unha puntuación máxima de 200 puntos. Cada suposto correctamente resolto puntuará 50 puntos e cada suposto erróneo penalizarase descontando un terzo do valor dun suposto correcto.
Para aprobar o exame deberá obterse unha puntuación non inferior ao 50% dos puntos posibles en cada unha das dúas partes, debendo obterse un mínimo do 60% do total dos puntos atribuíbles para o conxunto das dúas probas.
Convocatoria e inscrición
Inscrición na sede electrónica ás probas de xestor de transportes (procedemento IF312A).