Creación e despregue da UPA
O Estatuto de Autonomía de Galicia establece no seu artigo 27, número 25, a posibilidade de crear unha policía autónoma, de acordo co que dispoña a lei orgánica prevista no artigo 149.1.29 da Constitución.
A Lei Orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de Forzas e Corpos de Seguridade, no seu artigo 37.1, dispón que as comunidades autónomas que o teñan previsto no seu Estatuto poderán crear corpos de policía para o exercicio das funcións de vixilancia e protección ás que se refire o artigo 148.1.22 da Constitución, e para as demais que lle atribúe a citada lei. No seu apartado 2, o artigo 37, determina que as comunidades autónomas que non fixesen uso das posibilidades previstas no apartado 1, poderán exercer tales funcións de conformidade co establecido no artigo 47 desta lei orgánica.
O artigo 47 da Lei orgánica 2/1986 establece que as comunidades autónomas incluídas no apartado 2 do seu artigo 37, poderán solicitar ao Goberno da Nación, a través do Ministerio do Interior, para o exercicio das funcións previstas no seu artigo 38.1, a adscrición de Unidades do Corpo Nacional de Policía e que as condicións da dita adscrición se determinarán en acordos administrativos de colaboración de carácter específico.
En desenvolvemento do devandito artigo 47, aprobouse o Real decreto 221/1991, do 22 de febreiro, que regula a organización de Unidades do Corpo Nacional de Policía adscritas ás comunidades autónomas e establece as peculiaridades do réxime estatutario do seu persoal.
Na súa virtude, o 22 de outubro de 1990, instrumentouse o Acordo Administrativo de Colaboración entre o Ministerio do Interior e a Comunidade Autónoma de Galicia en materia policial, constituíndose e adscribíndose unha Unidade do Corpo Nacional de Policía, por Orde do Ministerio do Interior, do 19 xuño de 1991, que no seu artigo primeiro establece que a unidade policial depende organicamente do Ministerio do Interior e funcionalmente da Xunta de Galicia, exercitándose na actualidade pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Dirección Xeral de Interior. Así mesmo, e conforme á dependencia funcional sinalada, disponse que durante o tempo da adscrición a unidade policial cumprirá as ordes e directrices das autoridades competentes da Xunta de Galicia, ante as que renderá contas das súas actuacións.
Na actualidade o Acordo Administrativo de Colaboración, do 22 de outubro de 1990, entre o Ministerio do Interior e a Comunidade Autónoma de Galicia en materia policial, coas modificacións que resultan da Resolución Conxunta sobre a súa prórroga, do 22 de outubro de 1993, e tamén os acordos sobre nova prórroga, do 17 de outubro de 1996, do 17 de outubro de 1999 e do 16 de outubro de 2002, sigue vixente, en virtude do acordo administrativo de nova prórroga por un período de tres anos, subscrito o 17 de outubro de 2005 entre o Ministerio do Interior e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
Documentos relacionados
- Memoria UPA 2023
- Memoria UPA 2022
- Memoria UPA 2021
- Memoria UPA 2020
- Memoria UPA 2019
- Memoria UPA 2018
- Memoria UPA 2017
- Memoria UPA 2016
- Memoria UPA 2015
- Memoria UPA 2014
- Memoria UPA 2013
- Memoria UPA 2012
- Memoria UPA 2011
- Memoria UPA 2010
- Memoria UPA 2009
- Memoria UPA 2008