Consorcios Provinciais e Comarcais de Bombeiros
Antecedentes
Na Comunidade Autónoma de Galicia existen operativos 7 grandes parques de bombeiros dependentes directamente dos Concellos, situados nas cidades de Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. O ámbito de actuación basicamente é municipal, aínda que ante grandes emerxencias acoden fóra dos límites do seu Concello.
Esta situación fixo que a Xunta de Galicia promovera a construción dos Parques Comarcais Contraincendios Urbanos.
O plan galego de parques comarcais
A Lei 7/85 do 2 de outubro, que aproba as Bases de Réxime Local, indica que un dos servizos obrigatorios a prestar polos concellos de máis de vinte mil habitantes é o servizo de extinción de incendios, co que actualmente non conta ningún Concello de Galicia, agás as cidades e as tres comarcas antes mencionadas.
Nos concellos de menos de 20.000 habitantes a obriga de dar resposta á loita contra incendios no ámbito urbano correspondente fundamentalmente ás Deputacións Provinciais, sen prexuízo da actuación complementaria que nesta ámbito pode levar a cabo a Xunta de Galicia.
A elevada dispersión dos núcleos habitados fai que o servizo de extinción de incendios urbanos en Galicia conte con especificidades que fan obrigatoria unha dotación racional e efectiva dos medios, sendo por iso necesario contar coa participación conxunta das Administracións Autonómica, Provincial e Municipal.
Este feito fixo que desde a Xunta de Galicia se concibira elaborar un plan baseado en criterios de racionalidade técnica e económica que permitira dotar a Galicia (orientado principalmente ao medio rural) dun servizo integrado de emerxencias: salvamento e extinción de incendios urbanos, no cal intervirían as tres Administracións, Xunta, Deputacións Provinciais e Concellos.
O Goberno Galego elaborou o "Plan Galego de dotación de Parques Comarcais Contraincendios Urbanos de Salvamento".
- Obxectivos do plan galego
Dispoñer dun servizo de salvamento e contraincendios urbanos de ámbito comarcal, para unha ou varias comarcas asociadas na Comunidade Autónoma, que vén a complementar o xa existente nas sete grandes cidades galegas, de tal xeito que a dotación dos medios e recursos sexa racional e efectiva.
- Titularidade e administración dos parques
En virtude do establecido na Lei 5/97, do 22 de xullo, da Administración Local, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial respectiva e os Concellos que forman parte da Comarca teñen que integrarse nun Consorcio, requisito obrigatorio previo ás fases de construción, equipamento e posteriormente de implantación (funcionamento) dos parques. Deste xeito, os parques serán titularidade dun consorcio participado por todos os Concellos integrantes da Comarca, Deputación Provincial correspondente e a Xunta de Galicia.
No caso da provincia da Coruña, a fórmula adoptada é a de Consorcio Provincial, no que se integrarán todos os parques comarcais da provincia.
- Financiamento do plan galego
Hai dúas fases de actuación:
1ª fase (construción e equipamento)
2ª fase (mantemento do parque)
A fórmula adoptada de financiamento das dúas fases é a seguinte:
Fase de construción
Achega da Xunta de Galicia:
40% do total (A Coruña e Pontevedra)
50% do total (Lugo e Ourense)
Achega das Deputacións:
40% do total (A Coruña e Pontevedra)
30% do total (Lugo e Ourense)
Achega dos Concellos:
20% do total
Fase de funcionamiento
Achega da Xunta de Galicia:
50% do total (A Coruña e Pontevedra)
62.5% do total (Ourense)
Achega da Deputación:
50% do total (A Coruña e Pontevedra)
37.5% do total (Ourense)
- Medios técnicos
Para a prestación dos servizos que teñen encomendados estes parques comarcais foron construídos distintos edificios que responden a criterios de funcionalidade e operatividade, buscando, tanto nos materiais, como nos deseños e situación dos mesmos, as fórmulas idóneas para unha pronta e óptima actuación que permita atender as emerxencias de xeito adecuado.
Por outra banda, dótanse a estes parques co máis moderno material adecuado para a intervención en todo tipo de emerxencias, xa sexan lumes, accidentes de tráfico, rescates, ou calquera das actuacións nas que se requira o servizo destes bombeiros.