Delegación da Xunta en Bos Aires
A Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires inaugurouse o 6 de outubro de 2007, converténdose na primeira oficina de representación oficial que se establece fóra do territorio español. O seu ámbito de actuación céntrase no territorio de Arxentina, dende que o pasado 23 de outubro o Goberno galego aprobou o decreto de creación da Delegación en Uruguai.
Segundo se establece no Decreto 157/2007, do 26 de xullo, polo que se crea a Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires (República Arxentina) e se desenvolve a súa estrutura orgánica e funcións, o seu traballo organízase en torno a catro liñas prioritarias de actuación:
- Atención á cidadanía galega
- Lingua e cultura de Galicia
- Relacións económicas
- Cooperación ao desenvolvemento
Rexistro oficial
A Delegación en Bos Aires conta cun Rexistro Oficial da Xunta de Galicia. Isto fai que poidan presentarse solicitudes, escritos,e comunicacións dos particulares ante os órganos, e unidades administrativas do mesmo modo que se o fixesen en Galicia. Todos os documentos que se entreguen no rexistro da Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires terán a mesma consideración que os que se presenten na propia Administración autonómica galega no territorio español.
Funcións e obxectivos
Na súa actividade diaria, a Delegación do Goberno galego, ten como funcións xerais:
- Dar soporte ao presidente/a da Xunta de Galicia no exercicio das súas atribucións como máximo representante da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Apoiar todas as actuacións dos departamentos autonómicos na área xeográfica de acción, de acordo coas directrices emanadas destes, co fin de canalizar e asegurar a colaboración oportuna naquelas materias da súa competencia.
- Fomentar as relacións de Galicia coas institucións e órganos de goberno da súa área xeográfica de acción.
- Impulsar as accións de promoción da cultura e lingua galegas.
- Fomentar os valores de igualdade entre mulleres e homes como valores asumidos pola cidadanía da moderna sociedade galega.
- Prestar apoio administrativo e institucional aos emigrantes galegos e ás comunidades galegas no exterior. Deste xeito, estas delegacións terán a responsabilidade da coordinación, xestión e difusión, así como o control, seguimento e información dos programas dirixidos á emigración.
- Apoiar institucionalmente a realización de visitas, misións, encontros e intercambios oficiais dos diferentes departamentos, entes e órganos da Xunta de Galicia.
- Prestar apoio ás accións de cooperación que, dentro da programación exterior de Galicia, a Xunta estableza no ámbito socioeconómico e de promoción do turismo.
- Colaborar no seguimento e avaliación dos plans, programas e proxectos de cooperación ao desenvolvemento que se realicen na área xeográfica asignada.
- Prestar asistencia técnica, orientación e información sobre Galicia e sobre a área xeográfica asignada, aos axentes sociais alí situados, aos galegos e galegas, aos seus descendentes e ás persoas interesadas que respectivamente llo demanden.
- Desempeñar as atribucións que lle sexan delegadas ou encomendadas polos órganos e entidades dependentes da Xunta de Galicia.
- Calquera outra función e tarefa que lle sexa asignada, sempre que resulten compatibles co obxecto especificado no artigo 1º deste decreto.