Funcións e competencias

A Dirección Xeral de Xustiza exercerá as competencias que lle corresponden á Xunta de Galicia, estatutariamente ou por transferencia, relativas aos medios persoais, económicos e materiais ao servizo da Administración de Xustiza, á promoción e ao desenvolvemento do dereito civil de Galicia, á demarcación e planta xudicial, notarial e rexistral, e ao acceso da cidadanía á xustiza en igualdade de oportunidades.

No exercicio das súas competencias, correspóndenlle a este órgano as relacións ordinarias cos órganos do poder xudicial, o Ministerio de Xustiza e as demais institucións relacionadas co ámbito xurisdicional.

En particular, son competencias da Dirección Xeral de Xustiza:

  • A programación e xestión dos medios persoais e materiais da Administración de Xustiza en Galicia, agás os que lle correspondan á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
  • O impulso do uso do galego na Administración de Xustiza en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
  • A promoción do acceso da cidadanía á xustiza en igualdade de condicións.
  • A presentación das propostas sobre demarcación e planta xudicial, sobre demarcación notarial e rexistral e sobre convocatoria das prazas vacantes de maxistrados, xuíces, secretarios xudiciais, así como elevar ao conselleiro os nomeamentos de notarios e rexistradores.
  • A elaboración das relacións de postos de traballo do persoal ao servizo da Administración de Xustiza, así como das súas modificacións, de conformidade co previsto na Lei Orgánica do Poder Xudicial e demais normativa en vigor.
  • A organización e supervisión do funcionamento do Instituto de Medicina Legal de Galicia e a programación de actuacións para o establecemento de sistemas de xestión de calidade dos seus servizos e para o seu desenvolvemento científico e tecnolóxico.
  • A coordinación coa Secretaría Xeral e coas delegacións territoriais para impulsar a prevención de riscos laborais nos centros de traballo da Administración de Xustiza.
  • O exercicio das competencias da Consellería para o funcionamento e mellora da xustiza de paz.
  • O impulso, implantación e desenvolvemento de programas e actuacións de desxudicialización de conflitos e de promoción da mediación, especialmente no ámbito dos menores e da familia.
  • A xestión da política da Xunta de Galicia en materia de asesoramento xurídico, defensa e información ás vítimas do delito e programas de reeducación de maltratadores, sen prexuízo da coordinación e colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade en relación coas súas competencias.
  • Aquelas outras que, dentro do seu ámbito competencial, lle sexan asignadas ou delegadas.